Abraham Loeb un astrofísico Universidade de Harvard en Cambridge, Massachussetts (EUA) suxire nunha investigación teórica publicada en arXiv que a vida podería ter existido xusto despois do Big Bang, a grande explosión que, segundo a teoría xeralmente aceptada, deu orixe ao Universo. Os cálculos do científico apuntan a que a auga líquida, un requisito indispensable para a vida tal e como a coñecemos, puido formarse en planetas rochosos só 15 millóns de anos despois do estalido.
Hoxe en día, a temperatura do fondo cósmico de microondas, o resplandor do Big Bang, é de só 2,7º kelvin, pero nos seus comezos, apunta Loeb, podería terse mantido moito máis quente, a uns 300º kelvin. Nese momento, nos lugares do Universo onde a materia é excepcionalmente densa, poderían terse formado estrelas masivas, de curta vida, que terían enriquecido o ambiente con elementos máis pesados necesarios para facer planetas. Segundo o astrofísico, durante 2 millóns ou 3 millóns de anos todos os planetas rochosos terían sido capaces de manter auga líquida, independentemente da distancia á que se encontrasen da súa estrela. «Todo o Universo foi unha vez unha incubadora para a vida», afirma Loeb na web da revista Nature. Chámao «a época habitable».
Segundo Loeb, nesa época a materia era tan densa que mesmo se a enerxía do baleiro tivese sido un millón de veces máis forte, non tería impedido a formación de estrelas e planetas rochosos, e o xurdimento da vida.
Nature preguntou a varios científicos que lles parece a proposta do seu colega de Harvard, e as respostas varían. Christopher Jarzynski, biofísico da Universidade de Maryland, pon en dúbida que a vida tería podido existir nunha forma uniforme nun Universo cálido. Alexander Vilenkin cosmólogo da Universidade de Tufts en Medford,Massachusetts, asegura que uns poucos millóns de anos é un tempo demasiado curto para producir vida intelixente. Non obstante,Freeman Dyson, físico no Instituto de Estudos Avanzados de Princeton, Nova Jersey, apunta que a vida podería ser máis adaptable do que pensamos.

No hay comentarios:
Publicar un comentario