Chámase Europa e é a máis pequena das catro principais lúas do planeta Xúpiter. Un mundo misterioso e xeado que conta cun océano subterráneo que intriga aos científicos e do que, segundo detectaron agora, parecen emerxer enormes chorros de vapor de auga. Así o asegura un equipo liderado por Lorenz Roth tras analizar as imaxes obtidas polo telescopio espacial Hubble en novembro e decembro de 2012 e comparalas con outras máis antigas captadas en 1999.
Segundo detallan na súa investigación, publicada esta semana na revista Science, se se confirma que se trata de geysers significaría que a auga do océano subterráneo deste satélite pode saír doadamente á súa superficie, polo menos nalgunhas ocasións. E é que só puideron detectar estes chorros de vapor de auga durante un período de sete horas.
O achado, engaden, podería ser decisivo á hora de planificar futuras misións de exploración para determinar se Europa, que conta cunha tenue atmosfera, é potencialmente habitable. "O descubrimento de vapor de auga expulsado dende o Polo Sur reforza a posición de Europa como o candidato con máis posibilidades para que sexa potencialmente habitable", afirma Lorenz Roth, astrónomo no Instituto de Investigación Southwest de San Antonio (Texas, EUA), nunha nota de prensa da Axencia Espacial Europea (ESA). Segundo aclara, non saben se estes chorros están conectados coa auga líquida que creen que hai baixo a súa superficie.
O estudo detalla que os chorros de vapor de auga miden nada menos 200 quilómetros de altura. Foron observados soamente no Polo Sur durante un breve período, coincidindo co momento no que este corpo celeste xeado está a orbitar a maior distancia de Júpiter. Segundo cren, os chorros esvaécense cando a lúa pasa moi preto do seu planeta.
Os investigadores cren que os chorros de vapor de auga de Europa podrecían ser parecidos aos geysers que a nave espacial Cassini observou en 2005 en Encélado, unha das lúas do planeta Saturno. Segundo sosteñen os científicos, serían emisións de vapor a alta presión que escapan de gretas moi estreitas.
A detección de auga nestas pequenas lúas convérteas nun dos principais obxectivos dos científicos que buscan potenciais mundos habitables no noso Sistema Solar. A Axencia Espacial Europea (ESA) prevé mandar no ano 2022 a súa misión Júpiter ICy moons Explorer para explorar Xúpiter e tres das súas lúas principais: Ganímedes,Calisto e Europa.
A sonda non tripulada tardaría uns oito anos en chegar a Xúpiter, onde permanecería durante tres anos, estudando en profundidade e realizando mapas do planeta e destas tres lúas.

No hay comentarios:
Publicar un comentario