lunes, 21 de octubre de 2013

Un cranio de 1,8 millóns de anos reabre o debate sobre as especies de homínidos

Teñen 1,8 millóns de antigüidade e constitúen os restos de homínidos máis antigos encontrados fóra de África. Trátase dun cranio e unha mandíbula en excelente estado de conservación que foron desenterrados no rico depósito de de Dmanisi, en Xeorxia. Un espectacular achado que se realizou no ano 2000 (a mandíbula) e no ano 2005 (o cranio). Trátase do quinto cranio que se encontra en Dmanisi.
O descubrimento deste fósil reabriu o vello debate sobre a clasificación de especies do xénero Homo, ao que pertencemos.
Ata agora, os restos de homínidos máis antigos fóra de África acháronse en Indonesia (de 1,7 millóns de anos de antigüidade), mentres que en Europa os restos máis temperáns de homínidos están na Sima do Elefante de Atapuerca e teñen 1,3 millóns de anos.
Os científicos desta investigación subliñan que este individuo ao que pertence o cranio comparte características morfolóxicas cos primeiros fósiles do xénero Homo encontrados en África, e que teñen unha antigüidade de 2,4 millóns de anos.
O individuo tiña un cerebro pequeno, cun tamaño equivalente a menos da metade do que temos os 'Homo sapiens'. A súa cara era alongada e os dentes grandes. Segundo os cálculos dos científicos, era un varón que medía entre 1,40 e 1,60 metros e pesaba ao redor de 50 quilogramos. Cando morreu debía ter uns 30 anos.
Os paleontólogos que asinan este estudo realizan unha provocadora proposta: que os fósiles temperáns do xénero Homo pasen a ser considerados membros dunha única especie. Aínda que admiten que teñen características físicas diversas, cren que a variación non é tan pronunciada como para considerar que pertencen a liñas evolutivas distintas.
É dicir, propoñerían englobar baixo a definición de 'Homo erectus' os restos fósiles descubertos en África hai 2,4 millóns de anos así como os desenterrados posteriormente en Asia e Europa fai entre 1,7 e 1,2 millóns de anos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario